O ciclo de espectáculos da “Semana da Danza” inaugurarase o 25 de abril, coa participación do centro no VIII Certame de Danza da Noite da Queima, no Teatro Rosalía Castro de A Coruña, na que se interpretará a peza Aquelarre, coreografíada por Cristina Lata.
Rut Pena (CDAN Lugo)
Foto: Fernando De Valenzuela
O 27 de abril, ás 20h, no Círculo das Artes de Lugo, o CDAN participará na Homenaxe a Xoán Montes, unha das figuras máis representativas da música galega, coñecido pola composición da melodía de Negra Sombra, baseada nos poemas de Rosalía. As alumnas interpretarán a Alborada Galega de Xoán Montes, coreografiada por Belén Fernández e Cristina Lata, acompañados de música ao vivo.
O mesmo 27 de abril, no Auditorio do Conservatorio de Música (CMUS), ás 20h, as alumnas da especialidade de Danza Contemporánea bailarán nunha homenaxe a Steve Reich, compositor estadounidense, coñecido por ser un dos pioneiros do minimalismo. No espectáculo estrearanse as pezas de Raquel González e Alba Felpete, interpretadas ao vivo polo alumnado do CMUS, coordinado polo mestre e músico Diego Ventoso.
O Auditorio Gustavo Freire acollerá o 28 de abril, ás 19h, a IV Edición do Concurso Coreográfico do CDAN de Lugo, este ano dedicado a Marius Petipa, no que se representarán fragmentos do seu ballet Bayadére.
O 29 de abril, “Día Internacional da Danza”, ás 20h, chegará o peche das actividades conmemorativas no Centro Comercial As Termas de Lugo, que acollerá unha mostra de danza, na que nove coreografías e pequenos estratos dunha clase de ballet, compoñen un heterodoxo programa que abrangue un amplo abano de estilos, desde pezas de danza clásica, neoclásica, contemporánea, galega e baile flamenco. Esta iniciativa de sacar a danza á rúa xorde coa intención de facer partícipes aos transeúntes da actividade e busca chamar a atención sobre a existencia e a vitalidade desta disciplina.

No hay comentarios:
Publicar un comentario